Nova: Rivero de Aguilar expón na Casa de Galicia en Madrid

02/10/2014

Rivero de Aguilar expón na Casa de Galicia en Madrid

  • Figuras do escultor Alfonso Rivero de Aguilar Figuras do escultor Alfonso Rivero de Aguilar
  • O escultor galego Alfonso Rivero de Aguilar inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición de esculturas de pequeno formato "Miradas de autor" O escultor galego Alfonso Rivero de Aguilar inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición de esculturas de pequeno formato "Miradas de autor"

Madrid, 2 de outubro de 2014. - O escultor galego Alfonso Rivero de Aguilar inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a exposición de esculturas de pequeno formato "Miradas de autor", composta por obras de carácter "figurativo-abstractivo" realizadas en ónix, serpentinas, mármores de griotte, granitos, cuarcitas e calcitas, lousas e madeiras. Entre o público que asistiu ao acto achábanse o escultor Luis de las Cuevas e os pintores Fátima Rueda e Juan Barreto. A mostra poderá verse ata o próximo 30 de outubro.

Na presentación o escultor estivo acompañado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen valorou que as esculturas presentadas na mostra se expresan de forma elocuente, unha elocuencia que, opinou, provén "do diálogo que dende o primeiro momento de creación dunha peza entaboa con ela" o artista "para desentrañalas literalmente do útero pétreo que as preñou dende tempo inmemorial". "A Alfonso a orixe fascínalle, el mesmo parece ter recordos embrionarios, de cando estaba no seo materno, e a isto atribúo eu a presenza de tantas maternidades e sensuais formas femininas nas súas obras, ese culto á nai e á muller, dadora da vida, e nesta mostra hai varias", engadiu.

Tamén observou que na mostra hai obras "que nos recorda polo seu acento a arte negra, como algunhas máscaras; ou o precolombino, como esas outras máscaras de narices incas ou aztecas; hai as tamén que suxiren a arte exipcia, pois polo menos eu vexo sarcófagos,".

Rivero de Aguilar explicou que comezou na escultura "coñecendo a obra do escultor Camilo Otero no seu estudo en París" e estudando os grandes escultores de principio do século XX, como Bárbara Hepworth, Henry Moore e Brancusi.

"A miña técnica consiste, primeiro en observar a pedra no seu estado natural, míroa, acarícioa en definitiva. Me vou metendo cicelada a cicelada nas entrañas do seu ser que unido ao meu me vai levando e somerxéndome nela case de forma catatónica, lle devolvo a súa fascinación a súa gratitude e vou compoñendo. Grazas á súa complicidade emana en min o que eu chamo creatividade, é nese punto cando a pedra se converte en obra, doulle forma, sensualidade e cobra vida, é un ser", detallou sobre a súa forma de traballo.

Respecto ao seu estilo, indicou que "é de carácter figurativo-abstractivo, porque precisamente na abstracción está o comezo de liberdade do que mira a obra pois me gusta ensinar pero non entregar doadamente, prefiro que as persoas interpreten ao fío do que eu marco, niso máis ou menos consiste o meu traballo á hora de crear, transmitir en definitiva a liberdade de ver a obra baixo o punto de vista de cada persoa".

Tamén Pilar Sampedro, no seu prólogo ao catálogo da exposición, incide en que Rivero de Aguilar "escoita ás pedras" e déixaas "que guíen a súa man de escultor". "Dialoga con elas nun marco de respecto polo natural e de admiración ante a beleza dunha materia que pode chamarse semipreciosa, sen faltar á verdade,". "Ás veces, o creador decide homenaxear outro escultor, como sucede coas ´ chillidas ´, obras que ocupan o espazo que deixan baleiro as do escultor vasco", presentes na mostra.

"Alfonso Rivero de Aguilar bebe da mesma fonte que outros artistas que lle precederon como Chillida, Brancusi, Barbara Hepworth ou Pablo Serrano, xogando coa figuración ata destapar o surrealismo ou asumienco a abstracción como algo tan próximo que forma parte da súa cotianeidade", afirma Sampedro.

Rivero de Aguilar é natural de Ferrol e séntese especialmente vinculado a Santiago de Compostela. Durante moitos anos exerceu como fotógrafo e cámara de televisión. Os seus comezos no mundo da arte están vinculados á pintura e remóntanse a hai máis de trinta e cinco anos, pero nunca sentiuse satisfeito nese campo, "ao contrario que na escultura, coa que me sento cheo e plenamente realizado,". Expuxo en cidades galegas e foi seleccionado para o "Salón d´Automne" 2014 celebrado en París. Esta é a súa primeira exposición en Madrid.

 

Comparte