Nova: Santiago Berdullas, Soraya Redondo e Clara Rodríguez, gañadores do Emprende Gaiás

01/10/2014

Santiago Berdullas, Soraya Redondo e Clara Rodríguez, gañadores do Emprende Gaiás

Os tres incorporaranse de balde durante doce meses ao coworking do Gaiás e asistirán, con todos os gastos pagos, ao Zinc Shower, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España

  • Premio Emprende Gaiás-Sixto Seco Premio Emprende Gaiás-Sixto Seco

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2014.- Unha app de xeolocalización de espazos culturais para smartphone, unha firma de deseño de pezas téxtiles únicas e unha cooperativa de traballo para profesionais de xestión e creación contemporánea. Estes son os tres proxectos gañadores da segunda convocatoria dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, promovidos pola Fundación Cidade da Cultura para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais, e que vén de fallar a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Cada un dos premiados incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás; asistirá, con todos os gastos pagados, ao Zinc Shower 2015, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa.

Tras recibir o dobre de proxectos respecto á primeira edición, á hora de avaliar as iniciativas o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Internet, deseño e xestión cultural
Na modalidade de aplicacións web e proxectos culturais en internet, o premio Emprende Gaiás-Sixto Seco recaeu en Santiago Berdullas Silva e o seu proxecto Aspie, unha aplicación de xeolocalización en espazos culturais para teléfonos móbiles e tablets.

Este sistema permite establecer a posición do usuario no interior dun edificio sin utilizar o sinal GPS. É idóneo para museos e espazos culturais, tanto para indicar puntos do edificio como rutas e destinos e, ademais, interacciona coa posición do usuario mostrándolle información da contorna que o rodea. A app tamén incorpora son, o que permite a súa aplicabilidade para persoas discapacitadas visuais e auditivas.

Na área de deseño, a gañadora é Soraya Redondo Taboada co seu proxecto téxtil ‘Frigilda is dead’, elaboración de deseños sobre lienzo que a deseñadora traslada a pezas téxtiles de xeito individualizado e personalizado. Cada peza téxtil é única e ten a súa propia historia, que poderemos coñecer na web de venda online. A firma inclúe tamén produtos de orfebrería artesanal con deseños e produción propia.

Por último, na categoría de xestión cultural resultou gañadora Clara Rodríguez Cordeiro con 7H Cooperativa Cultural, un proxecto de traballo asociado para profesionais de xestión e creación contemporánea. A través dunha ocupación artística de espazos e contextos sociais destinados a investigación, produción, difusión e experimentación creativa, pretenden establecer conexión entre o mundo artístico e a sociedade.

Tres proxectos xa en marcha
A primeira edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, convocada en 2013, tivo como gañadores a Hugo Crespo Pazos coa súa proposta Coolto na modalidade de proxectos culturais en internet, Isabel Albela González coa iniciativa Boh na área do deseño e Benjamín Trillo Díaz no eido da xestión cultural.

Concebido como unha ambiciosa axenda cultural galega, Coolto está dotado de tres apartados no que o usuario poderá atopar a axenda propiamente dita (exposicións, eventos e música), unha galería virtual na que creadores emerxentes poidan dar a coñecer e promocionar as súas creacións, e un apartado de noticias, bolsas e cursos de formación no eido cultural.

Na área de deseño, a gañadora foi Isabel Albela e o seu proxecto denominado Boh, unha novidosa liña de regalos e souvenirs moi vinculados coa tradición e coa modernidade galega. Por último na área da xestión cultural, Benjamín Trillo propuxo un novo paradigma creativo na xestión de espectáculos de Galicia cun obxectivo claro: dinamizar o tecido cultural da nosa comunidade.

Homenaxe a Sixto Seco
Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, a biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volúmenes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, ata fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.
 

Comparte