Nova: O mundo mítico da Atlántida farase realidade en Cidade Imaxinaria

16/08/2014

O mundo mítico da Atlántida farase realidade en Cidade Imaxinaria

Dez horas de xogos, maxia e circo, totalmente de balde, na Cidade da Cultura o 23 de agosto

Como novidade tamén haberá unha taberna-teatro, onde ao pracer da boa comida súmase a diversión da man de forzudos, acróbatas e pallasos

Habilítase un servizo de bus urbano especial, que conectará o centro coa Cidade da Cultura cada 60 minutos, ata as 14 horas. A partires das 22 horas, será cada 40 minutos
 

  • Cidade Imaxinaria Cidade Imaxinaria

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2014.- Para celebrar o regreso á Cidade da Cultura da cuarta edición do festival Cidade Imaxinaria, estase a preparar para o 23 de agosto dez horas ininterrompidas de maxia, xogo e circo, da man dun cento de artistas procedentes de vinte compañías. Unha das novidades deste ano será o fermoso número final, desde o fondo do océano ao cumio do Gaiás. Esta cita de lecer e diversión dirá adeus cun espectáculo onde se recreará o mundo máxico da Atlántida, e as lendas dos seus habitantes, dos que se dicía que podían correr polo ceo como paxaros.

Un abraiante número final, carreiras de coches, torneos, asaltos a castelos, obradoiros de zancudos, teatros de monicreques, bailes, malabares, etc., que se ofrecerán desde as 11 ata as 21 horas. Todos os espectáculos e actividades serán de balde e están pensados para que cativos e adultos gocen xuntos dunha xornada de lecer en familia e de calidade.

Para facilitar o acceso a Cidade da Cultura contará durante esa xornada cunha conexión especial de autobús urbano, que conectará o alto do Gaiás co centro da cidade coas liñas 9 e C1. Deste xeito, a Liña 9 subirá á Cidade da Cultura desde as 8,30 ata as 13,30 horas cada 60 minutos, partindo de Casas Novas e pasando pola rúa Senra, Virxe da Cerca e San Roque. A partir das 14 horas, a liña C11 iniciará unha ruta especial, que sairá da Praza de Galicia cada 40 minutos. O servizo prolongarase ata o final de Cidade Imaxinaria, sendo o último bus en baixar o das 22,00 horas. O prezo do billete será a tarifa ordinaria: 1€ para o billete individual e 0,55 para o escolar, podendo utilizar os bonos de transporte habituais.

Escenario Imaxinario e Taberna Gordini
Cidade Imaxinaria quere celebrar o seu carácter de festival de verán, e por vez primeira todas as actividades terán lugar ao aire libre. Como novidade, levantarase na praza central do Gaiás o ‘Escenario Imaxinario’, un espazo máxico polo que, ao longo de toda a xornada, pasarán os números circenses e cheos de humor da compañía ‘Cabaré Parodia’, os trucos de maxia do espectáculo ‘Sim Salabim’ ou as acrobacias de ‘La Belle Escabelle’.

Nesta edición incorporarase á troupe do festival un divertido mestre de cerimonias, un personaxe cuxa identidade será unha sorpresa, pero que será o responsable de guiar ás familias animándoas a participar nas aventuras que alí acontecerán.

Aqueles que non se queiran perder nada desde as 11 ata as 21 horas terán a posibilidade de quedar a xantar, mais non será un xantar corrente xa que este ano abrirá as súas portas ‘A Taberna Gordini’, unha taberna-teatro rexentada por unha divertida familia de chefs italo-galegos, onde degustar saborosos pratos italianos cociñados cos mellores ingredientes de Galicia e servidos por acróbatas, forzudos ou pallasos.

Múltiples actividades na fin de semana festiva
Ademáis da ‘Cidade Imaxinaria’ a Consellería de Cultura e Educación ten preparadas múltiples actividades para estes días. Deste xeito, os que opten por un pouco de música, este venres ás 21 horas teñen unha cita con ‘Atardecer no Gaiás’, cunha noite dedicada ás bandas emerxentes de Galicia.

Os finalistas do certame Xuventude Crea 2013, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, serán os encargados de poñerlle música a este serán, comezando ás 21 horas por Erick Feles e a súa fusión musical onde a gaita se erixe en protagonista. Tras el, a praza central acollerá a actuación de Dani Font Dúo para logo dar paso a Pi Graos, banda de jazz contemporáneo que pechará por todo o alto unha noite para o recordo.

O sábado, 16 de agosto, ‘Atardecer no Gaiás’ ofrece unha nova cita na praza central co indie/rock de Eleanor Friedberger. A cantante norteamericana, coñecida por formar parte xunto ao seu irmán do dúo The Fiery Furnaces, despregará a súa música ao son de ‘Personal records’, o seu segundo traballo en solitario no que evidencia o seu amor pola música.

Tres grandes exposicións
A Cidade da Cultura conta ademais con tres interesantes exposicións. No Museo Centro Gaiás, de 11 a 20 horas, ‘Auga Doce’, unha mostra multidisciplinar na que descubrir a beleza da auga a través da ollada de grandes artistas como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz e de mestres clásicos do talle de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon. Ademais, con motivo da celebración de ‘Cidade Imaxinaria’, o 23 de agosto a entrada será de balde. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con catro visitas guiadas ao longo do día (11,00, 12,30, 17,00 e 18,30 horas) para as que é preciso reservar praza en www.cidadedacultura.gal.

A Biblioteca de Galicia acolle, pola súa banda, a exposición ‘Colección cartográfica ‘Vilardevós’ de Rodolfo Núñez de las Cuevas’, que conta mapas únicos e de gran valor. A mostra pode visitarse de 10 a 20 horas e a entrada é libre e de balde. Ao igual que a intervención artística ‘Flywaterbags’ coa que Ana Soler convida a descubrir novos universos a través da auga nas Torres Hejduk do Gaiás.

Comparte