Nova: Tarxeta-bono para fomentar o consumo cultural entre uns 6.000 mozos

30/10/2014

Tarxeta-bono para fomentar o consumo cultural entre uns 6.000 mozos

Trátase dunha liña de axuda directa aos consumidores menores de 30 anos para a adquisición de libros en lingua galega e para a asistencia a espectáculos escénicos programados por compañías galegas

  • Tarxeta-bono para asistir a espectáculos escénicos programados por compañías galegas Tarxeta-bono para asistir a espectáculos escénicos programados por compañías galegas

Santiago, 30 de outubro de 2014.- Ponse en marcha unha nova iniciativa para promover o consumo cultural entre os máis novos, a través da creación dunha Tarxeta-Bono Cultura Galega, unha liña de axuda directa aos consumidores menores de 30 anos para a adquisición de libros en lingua galega e para a asistencia a espectáculos escénicos programados por compañías galegas, que poderá chegar a arredor de 6.000 persoas.

Así o anunciou o consellerio de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na presentación no Parlamento de Galicia dos orzamentos de 2015 para o seu departamento.Trátase, sinalou o conselleiro, “dunha estratexia para revitalizar o consumo de produtos culturais entre un sector da poboación especialmente vulnerable nestes momentos de dificultades de acceso ao mercado de traballo".

O programa consistirá na distribución de tarxetas-bono cun custe de 50 euros cada unha, nas que se investirán 100.000 euros, e coas que se agarda mobilizar unha cantidade aproximada de máis de 300.000 euros de consumo nos dous sectores aos que vai dirixido esta iniciativa. “Ademais, vanse procurar descontos extra que as entidades colaboradoras (librarías e espazos escénicos) poden ofrecerlles aos usuarios da mesma. Concretamente, está acordado coa Federación de Librarías de Galicia que as librarías participantes ofrezan un 10% de desconto nos libros adquiridos polos usuarios da Tarxeta-Bono”, indicou Xesús Vázquez.

O reforzo do plantel de profesorado, o mantemento dun servizo educativo público de calidade e a aposta pola investigación universitaria, ao tempo que se blindan os compromisos do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e a continuación das obras en infraestruturas educativas son os principais eixos de actuación dos presupostos en materia de educación expostos hoxe por Vázquez Abad. No que atinxe á Cultura, o conselleiro fixo fincapé no mantemento da rede de museos autonómica, do apoio a institucións como a Real Academia Galega e no impulso ás nosas bibliotecas e arquivos. Así mesmo, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) creará unha nova liña de axudas e manterá as liñas xa existentes, grazas a un orzamento de 10,5 millóns de euros, un 4,6% máis ca no 2014.

Promoción do galego
Tamén neste eido da investigación, os Orzamentos de 2015 reforzan a partida dirixida ao soporte de estudos e traballos arredor da lingua galega, ademais dos lectorados nas universidades do resto do Estado e do estranxeiro, intensificando e aumentando os acordos con novas universidades en Estados Unidos e Xapón, ao tempo que se chega a outros por medio do Instituto Cervantes para ensinar galego en Pequín. “Por tanto, internacionalizamos a nosa lingua como marca identificadora de Galicia”, dixo o conselleiro.

En total a partida dirixida ao fomento da lingua galega supera os 6,7 millóns de euros, coas que se continuará coa actividade da Rede de Dinamización Lingüística en máis de 160 concellos de toda Galicia e se manteñen nos mesmos termos os convenios coa RAG, co Consello da Cultura Galega, co Instituto da Lingua Galega, ao Centro Ramón Piñeiro, a fundacións e demais entidades que traballan a prol da nosa lingua. Así mesmo, Vázquez Abad anunciou a apertura do Portal Xurídico Galego, “que porá en aberto e a disposición de toda a cidadanía normas consolidadas que impulsen o uso do galego na administración e na xustiza”

Bibliotecas, arquivos e museos
Durante a súa comparecencia o conselleiro salientou tamén o incremento do 3% no departamento de Cultura. Así, na partida dirixida a bibliotecas, arquivos e museos poderán manterse as bolsas de formación neste eido, así como o respaldo económico naqueles conceptos orzamentarios destinados ao fomento da lectura e do libro, por exemplo, ás feiras do libro e ás actividades de dinamización da lectura.

Ademais increméntase en máis dun 30% o crédito dedicado á promoción e difusión dos museos, as axudas á edición en materia de tradución, as axudas a concellos para os investimentos en materia de arquivos e fondos bibliográficos, e o crédito destinado á adquisición dos fondos bibliográficos e novidades editoriais, o que vai permitir a consolidación en 2015 da plataforma de préstamo de libro electrónico Galicia Le, para favorecer a lectura dixital desde a rede de bibliotecas de Galicia.

Patrimonio cultural
Asemade Vázquez Abad explico na Cámara galega que está previsto que o orzamento destinado a promoción e conservación do patrimonio cultural supere os 18 millóns de euros grazas á inxección de fondos como consecuencia da reprogramación dos FEDER do programa operativo 07-13 e a súa incorporación ao exercicio 2015. Así poderán financiarse, o entre outros, a restauración da igrexa de San Pedro de Soandres, na Laracha; da igrexa de Santa María das Areas en Fisterra; da Igrexa de San Salvador en Sarria, así como a Ermida da Nosa Señora das Pías en Sobrado dos Monxes. Grazas a estes fondos europeos tamén se levarán a cabo obras de reconstrución na fachada e na cuberta do conxunto de San Paio de Diomondi, no Saviñao; e o acondicionamento do patio na Catedral de San Martiño de Ourense. Asemade, serán obxecto de restauración e consolidación a Ponte do Porto, en Avión; a Ponte Éntoma e o seus accesos, no Barco de Valdeorras; a ponte da Portela en Vilamartín de Valdeorras; a Ponte Liñares na Lama; a Ponte Fillaboa en Salvaterra de Miño e a Ponte do Demo, en Silleda; e serán acometidas obras de acondicionamento do contorno da Porta Miñá na Muralla Romana de Lugo e a intervención na reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia.

Ademais increméntase nun 47% o investimento para a conservación e protección dos xacementos arqueolóxicos, en un 20% as transferencias correntes para manter as bolsas para a conservación do patrimonio, as achegas correntes ao Museo do Pobo Galego e á Fundación Mar de Galicia, así como as axudas a institucións e entidades sen ánimo de lucro.

Agadic
Outra das liñas de actuación nas que o conselleiro quixo facer fincapé foi a fomento das actividades culturais, para o que a Agadic elevará o seu orzamento a máis de 10,5 millóns de euros. Neste sentido anunciou que está previsto crear unha nova convocatoria das axudas de distribución no que se refire ás artes escénicas e musicais así como para a asistencia a feiras e mercados internacionais, e se manterán as agora existentes. Así mesmo continuará a apoiar a actividade do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego,e a importante tarefa de difusión de fondos que se realiza no Centro Galego das Artes e a Imaxe, tras o cambio de estratexia respecto da súa política de programación.

Así mesmo, as contas do ano próximo permiten manter a xestión de redes e circuítos estables como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas, a Rede Galega de Música ao Vivo, ou o programa “Cultura no Camiño”.

 

Comparte