Nova: Groba, Botessini e Paganini soan en Ponteareas

27/08/2014

Groba, Botessini e Paganini soan en Ponteareas

O Festival Groba está constituído como un referente nos círculos musicais

Dirixida por Rogelio Groba a Orquestra de Cámara Galega actuou co contrabaixista Milton Masciadri e a pianista Elena Kuznetsova
 

  • Orquestra de Cámara Galega Orquestra de Cámara Galega

Ponteareas (Pontevedra), 27 de agosto de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acudiu hoxe ao concerto ‘Orquestra de Cámara Galega e Solistas Festival’ no auditorio municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas. A Orquestra, dirixida por Rogelio Groba e acompañada polo contrabaixista Milton Masciadri e a pianista Elena Kuznetsova interpretou composicións de Groba, Botessini e Paganini.

Con tan só dúas edicións o Festival Groba que se está a celebrar en Ponteareas desde o pasado día 23 e ata o vindeiro 30 do presente mes xa é un evento de referencia para afeccionados, intérpretes e creadores galegos, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Fundación Rogelio Groba e o Concello de Ponteareas. Desde hoxe e ata o remate do festival, poderanse escoitar o Concerto de Cámara IV e o Concerto de Xoves Solistas, este venres, e o de Clausura o vindeiro sábado.

Os interpretes e a OCGa
Groba Otero, fundou no ano 1995 a Orquestra de Cámara Galega como director-concertino. No ano 2000 dirixiu a gravación da súa propia obra ‘Divertimento para cordas’, incluída no primeiro CD desta formación, e en 2005 a gravación do segundo CD, dedicado integramente á obra do seu pai, Rogelio Groba Groba. Durante os últimos anos dirixiu a OCGa en xiras nacionais e internacionais con grande éxito de crítica e público con interpretacións de diversos autores, entre os que destacan os galegos. Ademais Rogelio Groba é patrono da fundación que leva o nome do seu proxenitor, e profesor superior de violín e Música de Cámara no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Pola súa banda, Milton Masciadri é profesor de contrabaixo na Universidade de Georgia, onde é membro da facultade de música dende o ano 1984. Masciadri ofrece frecuentes recitais e é solista coas principais orquestras sinfónicas de Europa, Asia e América. Ademais impartiu clases maxistrais nas principais institucións musicais a nivel mundial tales como a Escola de Música de Manhattan ou a París Conservatoire. Entre os seus títulos destacan o de Profesor Distinguido da Universidade de Georgia ou o de ‘Accademico’ da Academia Filharmónica de Bolonia, centro de ensino musical máis antigo de Europa. Destaca nos seus concertos por utilizar un contrabaixo único de 320 anos, do famoso luthier Testore.

Elena Kuznetsova estudou piano no afamado conservatorio Tchaikovsky e foi gañadora de primeiros premios en concursos nacionais e internacionais, tanto de piano como de música de cámara, entre os que destacan o de Rusia Islamei ou a Telasoniki International Chamber Music Competition. Dende o ano 2002 imparte clases na Escola Especial para nenos de Balakirev, onde os seus alumnos son laureados en diferentes competicións nacionais e internacionais. No ano 2010 foi designada solista da Moscow Philharmonic e os seus concertos son habitualmente retransmitidos por televisións e radios de distintos países.

A Orquetra de Cámara Galega foi fundada por Rogelio e Clara Groba, director-concertino e violonchelo principal e solista, respectivamente. Está integrada por músicos formados en diversos conservatorios europeos. Desenvolve unha intensa actividade que a leva a interpretar un amplo repertorio, que abrangue desde o barroco ata os nosos días, incluída a difusión de compositores galegos, cunha especial incidencia na extensa obra do compositor Rogelio Groba Groba, do cal se realizaron numerosas estreas.

Ademais dende o verán de 2012 ven realizando unha serie de concertos en Os atardeceres do Gaiás, na Cidade da Cultura, cun formato moi orixinal e participativo con gran éxito de público. A OCGa é orquestra en residencia do Festival de Groba.

Comparte