Nova: Do Audible regresa con novas pontes entre a música contemporánea e outras artes

21/05/2015

Do Audible regresa con novas pontes entre a música contemporánea e outras artes

O ciclo inclúe estreas absolutas de obras interpretadas pola formación Vertixe Sonora Ensemble e coa colaboración de diversos instrumentistas

Comeza o 26 de maio na Coruña coa participación dun dos grandes divulgadores actuais da música en España, Fernando Palacios

Santiago, 21 de maio de 2015.- A terceira edición do ciclo Do Audible da Consellería de Cultura e Educación regresa este ano cun cartel de catro sesións en distintos formatos, que inclúe estreas absolutas de obras interpretadas pola formación Vertixe Sonora Ensemble e coa colaboración de diversos instrumentistas. Todas as sesións da programación, que se poden consultar na Axenda Cultural de Galicia, en www.cultura.gal, son gratuítas e de entrada libre ata completar a capacidade dos espazos.

Desde a súa posta en marcha, en 2013, “concibimos este ciclo como un espazo de programación novidoso, para tender pontes entre a música contemporánea e outros campos de expresión como a ciencia, a arte e, en xeral, o pensamento”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta mañá durante a rolda de prensa de presentación da terceira edición do ciclo, ao que se referiu como “unha das liñas de innovación na programación musical do Goberno galego coa que pretendemos ir abrindo camiños novos na creación sonora contemporánea e establecer diálogos actuais entre as diversas disciplinas artísticas e científicas”.

“Máis que un concerto ao uso”
“Do Audible é, polo tanto, “unha programación que vai máis alá do concerto ao uso, xa que desde o principio vimos traballando en formatos que nos permitan explicar e axudar a comprender de onde nacen as novas propostas artísticas sonoras contemporáneas e a súa relación co resto das disciplinas e do coñecemento actual noutras ramas”, dixo.

Neste sentido, Anxo Lorenzo destacou que o obxectivo do ciclo é “difundir a música, para aprender a escoitar, sen preconceptos, e tamén para introducir os públicos na comprensión destas novas linguaxes, desmarcadas en moitos casos dos esquemas clásicos da música formal”. “Facémolo –dixo– da man dunha das formacións máis sólidas e activas do ámbito da música contemporánea en Galicia, Vertixe Sonora Ensemble, coa colaboración de diversos instrumentistas”. O seu director artístico, Ramón Souto, tamén participou na rolda de prensa, xunto cos percusionistas Vicent Grau e Noel de Dios, que participan nun dos concertos programados. O secretario xeral rematou sinalando que os principais obxectivos do ciclo son “sementar afección por novas propostas de creación musical e permitir que cada vez máis público estea interesado na reflexión e na experimentación nas novas linguaxes artísticas son os principais obxectivos deste ciclo”. 

As propostas da nova edición
Cada unha das sesións enmárcase nun campo temático que é introducido por un axente relevante nese ámbito. A primeira delas, ‘As cidades invisibles’, que se celebrará o vindeiro martes, 26 de maio, na Coruña, ofrécelle ao público a posibilidade de se adentrar na música da man dun dos mellores textos de Italo Calvino e coa mestría dun dos grandes divulgadores actuais da música en España, Fernando Palacios.

A sesión, que terá lugar ás 20:30 horas na Fundación Luis Seoane, convida a visitar cidades imaxinadas que poden ser “vistas e oídas como pura música”, ademais de se achegar á figura de Calvino e tamén doutros escritores, cun programa que inclúe obras dos compositores Iago Hermo, Mauricio Pauly, Bernardo Barros e Stefan Beyer e que conta coa colaboración da Asociación RevelArte, da formación 4+1 Piano Ensemble, do Conservatorio Superior de Música da Coruña e da Fundación Luis Seoane.

‘Eloxio do mínimo’ é o título baixo o que se presenta a segunda das citas, o 30 de xuño, ás 20:30 horas, na cidade de Lugo. A Casa do Saber será o escenario dunha xornada que contará coa participación do compositor Alberto Bernal e do investigador de arte contemporánea Federico López Silvestre para reflexionar a partir de propostas artísticas e pezas musicais baseadas no uso dun material extremadamente reducido. Pezas de compositores como Peter Ablinger, Luc Ferrari, Giacinto Scelsi e Alberto Bernal centrarán esta xornada, que contará coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e da Universidade de Santiago de Compostela.

A seguinte parada do ciclo Do Audible será o 20 de outubro en Pontevedra. A sesión ‘Incerteza’, que terá lugar no Café Moderno Afundación ás 20:30 horas, contará coa relatora Ana Ulla, astrofísica, xunto con Joan Bagés i Rubí, un compositor fascinado pola achados no campo da astronomía, que desenvolveu para este proxecto a obra ‘...se ti non estiveses observándome, eu non estaría aquí... que incerteza!’.

O peche da programación celebrarase o 25 de novembro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller, en Lalín, coa sesión ‘Baleiro’. O compositor Miguel Ángel Tolosa e o filósofo Javier Turnes participarán nesta cita, cun programa que inclúe obras de Ingar Zach, Miguel Ángel Tolosa e Andrés Nuño e que conta coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música de Lalín e do Concello de Lalín.

Vertixe Sonora Ensemble
Integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, Vertixe Sonora Ensemble conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. Desde a súa aparición en 2010, a formación establece un constante diálogo e interacción co pensamento, coa ciencia, coa tecnoloxía e con outras formas artísticas para favorecer un espazo aberto á reflexión, á discusión e ao intercambio no campo da música contemporánea.

Comparte