Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. - Noticias

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

1 2 3 4 5 6 7 8 9
Xunta de Galicia - Consellería de Cultura e Turismo

Noticias

Noticias: DÍA DAS LETRAS GALEGAS

"Paz-Andrade é un referente polo compromiso incondicional que mantivo con Galicia", di Vázquez Abad en Barcelona

[08/05/2012] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou, no marco da súa visita institucional a Barcelona, no acto de homenaxe do Centro Galego ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas deste ano.


Valentín Paz-Andrade Barcelona A xornada de encontros do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, en Barcelona rematou onte ao serán coa súa participación na conmemoración que o Centro Galego lle brindou a Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2012.

Vázquez Abad recordou a figura de Valentín Paz- Andrade, nun acto no que participou acompañado do fillo do homenaxeado, Alfonso Paz-Andrade, a quen o conselleiro lle agradeceu a súa presenza na Cidade Condal para tomar parte nesta iniciativa que a Consellería de Cultura e Educación organizou en colaboración co Centro Galego de Barcelona. A homenaxe contou tamén coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e coa presenza de Yvonne Griley, directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, e Basilio Losada, catedrático de Estudos Galegos e Portugueses da Universitat de Barcelona (UB).

Vázquez Abad, que encetou a súa intervención en catalán, destacou que Paz- Andrade "concibiu Galicia, a través da súa obra e das súa traxectoria vital, como un suxeito dinámico e atractivo que non podía renunciar a ningún tipo de propósito, fosen cales fosen as circunstancias impostas, e que, malia todo, estaba obrigado a construírse – e non a describirse únicamente- a través da acción e do traballo".

Valentín Paz-Andrade, un modelo a imitar

Sobre a importancia da figura do autor das Letras Galegas 2012, o conselleiro sinalou que "foi un magnífico literato, nomeadamente un poeta inspirado e un ensaísta con aguda vontade de estilo. No entanto, foi por enriba de todo un intelectual notabilísimo no seu tempo que se destacou pola súa preocupación e compromiso coa realidade social e económica de Galicia. Como intelectual, as súas obras máis aclamadas constitúen un intento científico e útil de mostrar a verea pola que Galicia debía transitar para se converter nun país próspero. Así, as súas obras non pretenden simplemente describir a realidade a modo dun arqueólogo que rexistra pezas e datos para provocar a fascinación erudita no lector".

Vázquez Abad tamén fixo fincapé en que "Valentín Paz- Andrade é un modelo a imitar porque entendeu a súa actividade como unha contribución ao desenvolvemento do seu país".

Medalla do 120 aniversario do Centro Galego de Barcelona a Alfonso Paz-Andrade

No marco deste acto conmemorativo, Alfonso Paz-Andrade recibiu, de man do presidente da institución cultural, Manoel Carrete, a Medalla do 120 aniversario do Centro Galego de Barcelona, que tamén lle foi entregada a Yolanda Díaz Gallego, en recoñecemento da súa traxectoria a prol da proxección da cultura galega.

Posteriormente, inaugurouse a mostra "Valentín Paz- Andrade: pranto matricial", que estará exposta no Centro Galego con motivo da celebración do mes das Letras Galegas. O acto rematou cun recitado de poemas de Valentín Paz-Andrade, da man de Yolanda Díaz Gallego, e cunhas pezas de gaita interpretadas por gaiteiros do Centro Galego.

Encontro co profesorado de galego na Universitat de Barcelona

Con esta homenaxe, Xesús Vázquez Abad rematou as actividades institucionais do día en Barcelona, onde desde primeira hora estivo a manter encontros cos diferentes colectivos instalados na Cidade Condal e relacionados con Galicia.

Pola mañá, mantivo un encontro na Universitat co decano da Facultade de Letras, Adolfo Sotelo, e coa responsable do Centro de Estudos Galegos, María Jesús Lama, e reuniuse co profesorado que imparte as materias de lingua galega na propia Universitat e na Universidade Autónoma de Barcelona, co fin de facer un seguimento das iniciativas e das liñas de traballo que se están a desenvolver no marco dos convenios que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- mantén coas dúas universidades catalás para promover o ensino e a aprendizaxe do galego en Cataluña e a súa proxección fóra das fronteiras de Galicia. O conselleiro estivo acompañado durante a súa visita polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A visita de Vázquez Abad á universidade, rematou coa inauguración da exposición sobre Valentín Paz-Andrade promovida por Cultura e Educación, coa que a Universitat de Barcelona se suma tamén á homenaxe ao autor das Letras Galegas 2012.

Diversas iniciativas para achegar a figura de Valentín Paz-Andrade

Posteriormente, Vázquez Abad e García Gómez participaron nun encontro cos membros da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña (AEGACAT), que tamén contou coa presenza do empresario Alfonso Paz-Andrade. As visitas desenvolvidas ao longo do día enmárcase nas actuacións de difusión e promoción exterior que Cultura e Educación está a impulsar arredor da figura de Valentín Paz-Andrade, co gallo da celebración das Letras Galegas.

  • Compárteo

  • meneame


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia. Aviso legal

Podes subscribirte ás novidades desta web cun lector de feeds

RSS Noticias RSS Axenda