Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. - Noticias

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

imaxe referencia para

1 2 3 4 5 6 7 8
Xunta de Galicia - Consellería de Cultura e Turismo

Noticias

Noticias: ANO DA MÚSICA

‘Galicia Classics’ ofrecerá 30 concertos en sete cidades galegas durante 2011

[05/02/2011] O ciclo de música clásica traerá a Galicia a algún dos mellores directores do momento como Daniel Baremboim, Georges Prête, Essa Pekka-Salonen ou Yuri Simonov.


f Santiago.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a programación do ciclo Galicia Classics, unha iniciativa da Xunta de Galicia e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coorganizada por Novacaixagalicia. O ciclo Galicia Classics recolle a estela do Xacobeo Classics en canto ao esquema da súa programación, e nace co obxectivo de ofertar concertos de primeira calidade para complementar as programacións musicais que xa existen en Galicia, aportando actuacións de primeiro nivel internacional, sen esquecer a música de autores galegos.


Deste xeito, entre os meses de febreiro e decembro, programaranse preto dunha trintena concertos de música clásica nas sete cidades galegas. Entre os artistas que actuarán por primeira vez en Galicia atópanse algúns dos nomes máis destacados da dirección orquestral do momento, como o francés Georges Prête, o finlandés Essa Pekka-Salonen ou o ruso Yuri Simonov. A primeira actuación enmarcada no ciclo terá lugar o vindeiro 19 de febreiro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, onde se ofrecerá un concerto da Orquestra Filarmónica de La Scala dirixida por Georges Prêtre.

Na presentación deste novo ciclo de música clásica, Roberto Varela Fariña estivo acompañado polo director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea; polo director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, e polo director artístico do ciclo Galicia Classics, César Wonenburger.

Seis apartados
Galicia Classics estará estruturado en seis grandes ciclos: o dedicado ás Grandes Orquestras, outro de Grandes Voces, un apartado para os Grandes Intérpretes, outro destinado á ópera e os ciclos Made in Galicia e En Xira. Con estes apartados, Galicia Classics continuará o compromiso coa música clásica iniciado en 2010 con Xacobeo Classics, que se pechou con máis de 40.000 asistentes ao medio cento de actuacións programadas.

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou no acto de presentación que este novo ciclo de música clásica inaugurarase coa presenza por primeira vez en Galicia do lendario Georges Prête, que dirixirá á Orquestra Filarmónica de La Scala de Daniel Barenboim en Vigo o próximo 19 de febreiro. Barenboim tamén traerá o 8 de xullo a Santiago de Compostela á Staatskapelle Berlín, un dos conxuntos máis sólidos e venerados do vello continente. Este será o primeiro concerto da súa nova xira e nel ofrecerá un programa monográfico centrado en Anton Bruckner.

No Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, a Philarmonia Orchestra, un dos conxuntos máis prestixiosos do Reino Unido e fundado por Walter Legge, ofrecerá o 11 de novembro un programa excepcional coa recuperación, un século despois do inicio da súa composición, da ópera de Bela Bartock O Castelo de Barba Azul, que estará protagonizada en versión concerto pola soprano Measha Bruggergosmann. Xunto a eles tamén estará o gran pianista Yefin Brofman para interpretar o Concerto para piano número 3 de Bela Bartock.

Neste 2011, A Coruña e Vigo recibirán á Orquestra Filarmónica de Moscú, ao seu titular, o lendario Yuri Simonovm, e ao neto do mítico violinista David Oistrakh, Valery Oistrakh, para ofrecer un programa no que haberá a posibilidade de escoitar a Primeira sinfonía de Sergei Rachmaninov e o Concierto para violín de Max Bruch. As actuacións terán lugar o 31 de marzo no Teatro Colón Novacaixagalicia de A Coruña e o 1 de abril no Centro Cultural Novacaixagalicia da cidade olívica.

Outro artista de talla internacional que participará no ciclo Galicia Classics é o violonchelista Mischa Maisky, que ofrecerá en dúas sesións únicas na Igrexa de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela a integral das suites para violonchelo de Johann Sebastian Bach que este intérprete gravou para o selo Deutsche Grammaphon. Os concertos celebráranse o 7 e o 9 de xuño.

Homenaxe a Liszt
A Santiago de Compostela tamén chegará un dos maiores talentos do piano dos nosos días, o cubano Jorge Luis Prats, que interpretará o próximo 26 de maio no Centro Cultural Novacaixagalicia un completo programa que reúne os Estudios Sinfónicos de Schumann e a Fantasía de Busoni sobre a Carmen de Bizet. Na súa actuación, tamén incluirá a Liszt. Este compositor estará moi presente en toda a programación do ciclo Galicia Classics, xa que se cumpren 200 anos do seu nacemento. De feito, Freddy Kempf, un dos máis brillantes pianistas do momento, será o encargado de iniciar os distintos tributos a este artista cun monográfico dedicado a Liszt que interpretará próximo 29 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela no que será o segundo concerto deste Galicia Classics.

A esta homenaxe a Liszt tamén se unirá o pianista Andreas Haefliger, que actuará o vindeiro 26 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol. No seu concerto, Haefliger, un dos máis interesantes pianistas do momento, interpretará composicións de Liszt e de Schubert.

Tralo éxito acadado o ano pasado coa Misa en si menor de Bach, John Eliot Gardiner regresará en 2011 á cidade de A Coruña co que foi designado o mellor coro do mundo, o Monteverdi Choir, ao que nesta ocasión unirase outro dos conxuntos fundados por Gardiner, a Orquestra Revolucionaria e Romántica. Todos xuntos ofrecerán o 18 de outubro no Teatro Colón Novacaixagalicia a Misa de los salmos de Igor Stravinsky e a Misa en fa menor número 3 de Anton Bruckner.

Unha das mellores agrupacións camerísticas do mundo, o Cuarteto Emerson, ofrecerá o 12 de setembro en Santiago de Compostela unha sesión dedicada á música do clasicismo con obras de Haydn, Mozart e Beethoven.

A Coruña tamén celebrará o Ano Mahler co debut en Galicia dun dos mellores barítonos das últimas dúas décadas, o extraordinario cantante norteamericano Thomas Hampson, que interpretará tres dos coñecidos ciclos de cancións de Mahler co acompañamento do pianista Wolfgang Rieger. A cita será o 27 de outubro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Pontevedra.

Outro dos máis fascinantes intérpretes vocais de hoxe, o contratenor Philippe Jaroussky, ofrecerá o 4 de decembro na cidade de A Coruña un concerto monográfico con arias de óperas de G.F. Händel, acompañado pola Orquesta Barroca de Friburgo. Jaroussky foi o intérprete máis aclamado en La coronación de Poppea, que ofreceu o ano pasado o Teatro Real.

Artistas galegos
O capítulo vocal de Galicia Classics enriquécese, ademais, cos recitais que ofrecerán en Ourense a soprano Ángeles Blancas, e en Pontevedra o barítono Borja Quiza e a soprano Teresa Novoa. Blancas, a filla da gran soprano ourensá Angeles Gulín, acaba de obter un gran éxito no Covent Garden de Londres con Adriana Lecouvreur e na Ópera de Zúrich con Nabucco. E Borja Quiza recibiu en xaneiro o Premio Lírico ao mellor cantante de zarzuela pola súa participación en La viejecita dirixida por Lluís Pasqual. Teresa Novoa foi a encargada de reestrear o ano pasado a ópera O Mariscal.

O aniversario de Goyescas, a obra cume de Enrique Selectos, será conmemorado neste ciclo dedicado á música clásica coa interpretación o 27 de outubro desta cima do pianismo español a cargo de Marta Zabaleta, unha das máis novas e brillantes pianistas españolas, en Santiago.

O ciclo Made in Galicia ofrecerá a estrea dunha nova produción do Centro Dramático Galego, a obra de Kurt Weill A ópera dúas tres reas, que contará coa presenza do actor gañador do Goya Luís Tosar. Ademais, a Agrupación Xuvenil Cantábile recuperará a versión orixinal do Dido e Eneas de Purcell, nunha nova produción realizada integramente en Galicia, con dirección musical de Jorge Montes, o director da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.

Por último, a soprano Carmen Durán ofrecerá dous recitais en Lugo e Santiago centrados en música de autores galegos e a Agrupación Ofelia Nieto recordará a Álvaro Cunqueiro no seu aniversario con catro concertos en Lugo, Santiago, Ourense e Ferrol. Ademais Galicia Classics volverá a apostar pola creación galega para ofrecer unha nova entrega do seu ciclo con música de autores da terra.

  • Compárteo

  • meneame


Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia. Aviso legal

Podes subscribirte ás novidades desta web cun lector de feeds

RSS Noticias RSS Axenda